Evento
AXENDA | O Serán da Pousa comeza na Montemaior: cita previa á festa do vindeiro día 19
Este venres a rúa Montemaior de Verín encherase de música tradicional galega da man de “As Kuartetas”.
A partir das 21:00 horas esta céntrica rúa convertirase no punto de encontro para os amantes das foliadas.
As protagonistas serán polo tanto “As Kuartetas”, o grupo de música tradicional integrado por Silvia, Celi, Noa e Uxía e formado nas foliadas do veciño concello de Laza hai xa uns cantos anos, que farán vibrar ao público ao ritmo das melodías que máis nos pertencen.
O grupo percorrerá os bares da rúa, facendo desfrutar da música en directo a todas as persoas que enchan as terrazas escapando da calor.
Despois será o momento de todas aquelas persoas que toquen e canten, que terán a oportunidade de continuar a festa nunha Foliada aberta.
Trátase dun evento que precede o Serán da Pousa, que se celebrará na aldea do Concello de Monterrei o próximo 19 de xullo. Este venres na Montemaior poderán adquirirse os tiques da gran cea e tamén as rifas que axudan a medrar esta festa que comezou no 2018.
