Evento
AXENDA | Ábedes rende homenaxe ao San Antón cunha xornada de tradición, música e confraternización
A parroquia de Ábedes celebrará este sábado, 17 de xaneiro, as tradicionais Festas na honra ao San Antón, unha cita moi esperada polos veciños e veciñas da contorna, que combina actos relixiosos, música e convivencia.
O monte de Ábedes, será, dende primeira hora da mañá, o escenario perfecto onde grupos de familias e amigos se reunirán dispostos a pasar un bo día de confraternización e a desfrutar duns chourizos asados e dun bo churrasco.
Os actos darán comezo pola mañá cunha pasarrúas e procesión acompañadas polo Grupo de Gaitas Camballeira, que achegará o son máis tradicional a esta celebración. A procesión partirá desde a Igrexa de Ábedes ata a capela, dando inicio arredor das 12:30 horas.
Ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne na honra ao San Antón, un dos momentos centrais da xornada, no que se rende homenaxe ao santo cun acto cargado de simbolismo e arraigo popular.
Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, terá lugar a sesión de tarde, que correrá a cargo da Discomóbil Gramola, encargada de poñer o broche festivo á xornada cun ambiente animado pensado para todos os públicos.
