Evento
AXENDA | "Raíces sonoras", o mapa vivo do patrimonio musical de Monterrei e Conso-Frieiras
O Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín converterase este martes 4 de novembro ás 18:00 h no punto de encontro para escoitar e mirar a identidade do territorio. Alí presentarase en aberto "Raíces sonoras", un proxecto audiovisual promovido polo GDR Monteval e dirixido por Iris Justo Rodríguez que achega a música ás súas orixes xeográficas.
Lonxe de caer na nostalxia, o documental percorre as comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras para debuxar un retrato actual e vivo da escena musical. O obxectivo é claro: entender a relación íntima entre a creación, o territorio e a identidade. "Raíces sonoras" non é só unha sucesión de cancións, é unha mestura de interpretacións musicais e pequenas conversas que permiten coñecer como se crea dende aquí. Que historias acompañan ás cancións? Que papel xoga a aldea ou o viñedo onde se vive? Como conviven tradición e contemporaneidade?
Conversas entre viñedos e capelas
O proxecto presume dunha diversidade plural que reflicte a riqueza cultural e musical das dúas bisbarras. Participan artistas de estilos moi variados que crean unidos ao seu territorio: dende Castrelo do Val, Fran Guede xunto con Álvaro e Dani; Silveiras Do Támega dende Laza; Maldizer, da Gudiña; Mark Dos Santos en A Mezquita; Pappaquino dende Verín; Varios Santos dende Cualedro; Baba Sall en Vilardevós; Diego London, de Oímbra; Piratas sen Parche, de O Riós; e O Trebón do Mildeu dende Monterrei.
As gravacións non se limitaron a estudios, senón que se realizaron en aldeas, prazas, ríos, viñedos e capelas. Deste xeito, o territorio non funciona só como un escenario, senón como un actor máis que dialoga coa música, conformando un arquivo vivo da paisaxe sonora actual. O proxecto busca ser un espazo de apoio á diversidade creativa local.
