Evento
AXENDA | Pelé, o rei do fútbol, agasalla ao Verín C.F.
A Casa da Cultura de Verín será o escenario, este venres, 24 de outubro, ás 19:00 horas, dun acto de recoñecemento á figura de Edson Arantes do Nascimento, “Pelé”, considerado por moitos o mellor futbolista de todos os tempos.
O evento contará coa presenza de Pepito Fornos, quen foi asesor persoal e manager de Pelé desde o ano 1969 ata 2021. Durante o acto, Fornos fará entrega ao Verín CF dunha camisola asinada e adicada polo propio Pelé, un xesto que simboliza a unión do “rei do fútbol” co deporte e coa vila de Verín.
Ademais, proxectaranse imaxes inéditas e compartiranse anécdotas e lembranzas que permitirán coñecer máis de preto a traxectoria persoal e profesional de Pelé, unha das lendas máis queridas da historia do fútbol mundial.
Dende a organización animan a toda a veciñanza e aos amantes do deporte a participar neste emotivo encontro, que promete ser unha tarde chea de historia, paixón e lembranza.
