Evento
AXENDA | Música e arte na Gala de Fin de Curso do Conservatorio de Verín
O Conservatorio Profesional de Música de Verín xa ten todo listo para a súa tradicional Gala de Fin de Curso, un evento que marcará o broche final a un ano académico repleto de melodías e aprendizaxes. A cita ineludible para os amantes da música será este sábado, 31 de maio, no Auditorio de Verín, a partir das 20:30 horas. Esta gala, que se celebra despois dunha pequena modificación nas datas, promete un concerto aberto ao público no que o alumnado e profesorado do conservatorio amosarán o froito do seu traballo e dedicación.
Ademais da actuación musical, a velada tamén acollerá o sorteo da iniciativa solidaria "Arte e Música", que tamén se adiantou co cambio de datas da gala. Unha proposta que combina a creatividade artística coa paixón musical en prol dunha causa benéfica, cuxos detalles se darán a coñecer durante o propio evento.
O Conservatorio de Música de Verín convida a toda a cidadanía a achegarse ao Auditorio este sábado para compartir unha noite de música e celebración, apoiando así o talento local e o traballo que se realiza nesta institución educativa.
"Arte e Música"
Durante o gala realizarase o sorteo das obras cedidas polos recoñecidos artistas locais Fernando Barreira, Rafael Castro e Xosé Rivada, que cederon cinco das súas obras ao Conservatorio de Música de Verín coa intención de recadar fondos cos que poder mercar instrumentos musicais e que o alumnado poda realizar unha saída educativa. As pezas son as seguintes:
- Los guerreros de la Paz, de Fernando Barreira
- Atardecer en el mar, Natureza morta e Flores, de Xosé Rivada
- Peliqueiros 1925, de Rafael Castro
O CMUS contou coa colaboración da súa ANPA e do Concello de Verín nesta iniciativa que busca darlle pulo ao espazo de formación musical da vila.

