Evento
AXENDA | I Feira de Orientación Profesional en Verín
Dirixida ao estudantado da bisbarra e co obxectivo de que poidan tomar unha decisión informada sobre o seu futuro, a feira nace coa vocación de proporcionar ao alumnado de secundaria información sobre as diferentes opcións formativas ou laborais que teñen á súa disposición: Formación Profesional, ensinanzas de réxime especial, as forzas armadas ou mesmo as oposicións.
É a primeira vez que se organiza un encontro sobre orientación profesional na bisbarra, e faise grazas á colaboración dos tres centros públicos de secundaria da vila: IES Castro de Baronceli, IES Xesús Taboada Chivite e IES García Barbón. Un evento que conta co apoio do Concello de Verín e Augas de Cabreiroá, ademais da colaboración desinteresada dos relatores, profesionais dos centros integrados e orientadores laborais.
Stands informativos e casos prácticos
Un dos puntos máis relevantes da feira será coñecer de primeira man casos reais de estudantes de FP, que compartirán as súas experiencias formativas e laborais. Isabel Morales Herrero falará do Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría, Diego Fernández Núñez dp Ciclo Medio Dual de Aceites de Oliva e Viños, Alejandro Justo Rodríguez e Mikel David Saldaña Cevallos do Ciclo Superior de Administración e Finanzas, e Bieito Barreira Barreira explicará como se fixo emprendedor no rural.
Por outra banda, participarán os Centros Integrados de Formación Profesional de Ourense (Portovello, A Carballeira, A Farixa e Vilamarín), que darán a coñecer a súa oferta formativa e as saídas académicas e laborais de cada unha. O director da Oficina do Servizo Público de Emprego de Verín abordará a situación do mercado laboral na comarca e achegará consellos para afrontar con éxito a búsqueda de emprego. Tamén estarán presentes representantes do Centro Residencial de Ourense, Cruz Vermella de Verín, CIM da Mancomunidade e do Centro de Información Xuvenil.
A I Feira de Orientación Profesional en Verín celebrarase no Auditorio municipal o xoves 13 de febreiro en horario de mañá: de 9:15 a 13:30h.
