Evento
AXENDA | Extruga na Rúa 2025, a cultura urbana inunda Verín
Unha das citas máis esperadas do calendario estival xa está aquí. O sábado 19 de xullo Verín acollerá o Extruga na Rúa 2025, un festival que xa é referencia da cultura urbana no sur de Galicia; na súa sétima edición chega cunha programación máis diversa e, como gran novidade, totalmente gratuíto. Unha xornada de convivencia interxeracional que fusiona deporte, arte, música urbana, gastronomía e lecer nun ambiente festivo e inclusivo. Todas as actividades serán de acceso libre, reafirmando o seu compromiso coa accesibilidade e a participación de todas as persoas.
Desde a mañá ata ben entrada a madrugada, prazas e rúas de Verín converteranse no escenario dun programa vibrante e variado cunha oferta cultural variada e de calidade que conecta con públicos de todas as idades, consolidando o éxito rotundo das pasadas edicións. Xa chegando a noitaña comezarán os concertos no escenario principal, cunha seleción de artistas e bandas ben representativas da cultura urbana.
Moito máis que música
O Extruga na Rúa 2025 comezará coa intelixencia do Escape Room urbano na Praza do Concello, da man de Camiñando Cara Atrás, unha excelente forma de coñecer Verín a través de probas e enigmas. Ao mediodía, a Praza Maior acollerá un obradoiro de break dance para público infantil e xuvenil, e o Bar Zurria animará a sesión vermú con Revolutionary Brothers ft. King Konsul. A partir das 17:00 horas, a zona verde da Preguiza converterase no corazón do movemento urbano con obradoiros de parkour, a competición da Liga Xunta Break e o workshop do portugués Livre Corte, que ensinará a crear collages con materiais reciclados. Non faltarán os xogos de sacos para os máis pequenos e as intensas Batallas de Freestyle da Ceiba Rimas, cuxa fase clasificatoria provincial se disputará ese día, ofrecendo un premio de 200 euros e un posto na final galega. Ademais, un mercadiño urbano e varios foodtrucks estarán dispoñibles ata ben entrada a noite.
O peche de ouro virá no Escenario Principal a partir das 20:45, cunha coidada selección de artistas que representan o mellor da escena urbana actual. O cartel inclúe a veterana soundsystem francesa O.B.F. Sound System xunto a Sr. Wilson, e a un dos grandes nomes do momento, El Virtual. Tamén actuarán a produtora e DJ barcelonesa GEA, co seu acid techno, e talentos galegos como 9 Louro (gañador de "Música Emerxente"), Kid Mount de Xinzo, e o artista local de Ábedes, Pappaquino. O festival tamén contará coa enerxía do grupo lisboeta Largo da Cumbia.
