domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | A exposición "50 anos coidando a terra" de ADEGA chega ao Parque da Alameda de Verín

22/5/26
12:00
Parque da Alameda, Verín.
Réplicas de bidóns radioactivos e paneis históricos forman parte da montaxe de ADEGA no Parque da Alameda de Verín.
Réplicas de bidóns radioactivos e paneis históricos forman parte da montaxe de ADEGA no Parque da Alameda de Verín.

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) instalou dende este mércores, 20 de maio, a súa exposición conmemorativa titulada "50 anos coidando a terra". Esta mostra, que realiza un completo repaso polas cinco décadas de loita e protección do noso patrimonio natural, estará situada no Parque da Alameda de Verín e poderá ser visitada pola veciñanza ata o vindeiro 17 de xuño de 2026, data na que se procederá á súa retirada.

O acto público de inauguración oficial terá lugar o venres 22 de maio, ás 12:00 horas, no propio Parque da Alameda. A organización estendeu o convite a toda a corporación municipal e aos distintos colectivos e entidades locais da comarca de Monterrei para que formen parte deste fito conmemorativo. O evento contará coa presenza de directivos da organización ecoloxista e representantes institucionais locais.

A escaleta do acto de inauguración comezará ás 11:45 horas coa recepción das autoridades, colectivos e persoas convidadas ao lado da propia instalación. Ás 12:00 horas dará comezo a presentación formal aos medios de comunicación e ao público asistente, onde intervirá en primeiro lugar o portavoz de ADEGA para explicar os obxectivos fundamentais desta retrospectiva e ofrecer os agradecementos oportunos.

Posteriormente, realizaranse as quendas de intervención das autoridades locais antes de dar paso, ás 12:20 horas, á foto de grupo e á entrega de agasallos conmemorativos. O acto continuará ás 12:30 horas cunha visita guiada polos paneis informativos a cargo de guías especializados da asociación e rematará ás 13:00 horas.

A instalación ao aire libre destaca polo seu carácter pedagóxico e visual. Entre os diferentes elementos que compoñen a montaxe, os visitantes poderán observar paneis informativos de gran formato que lembran fitos fundamentais do ecoloxismo galego, como a loita contra os vertidos radioactivos na Fosa Atlántica, o desarmamento ou a protección dos ríos. Ademais, a mostra inclúe elementos simbólicos moi visuais integrados no parque, como réplicas de bidóns de residuos nucleares, que serven para concienciar sobre a importancia da mobilización social na conservación do territorio.