Evento
AXENDA | O Enredo acolle a Gonzalo Arca e ao seu rock de raíz americana en Verín
Este venres 19 de decembro, a partir das 23:00 h, O Enredo acollerá un concerto especial de Gonzalo Arca, dentro da xira de presentación do seu último disco “Ni el tiempo ni la distancia”, un traballo que está a recibir excelentes críticas do público e da prensa especializada.
O músico galego ofrecerá un directo íntimo e sen artificios, interpretando os temas do seu novo álbum xunto con cancións destacadas da súa traxectoria. Nesta ocasión estará acompañado por Pablo Pérez, guitarrista de artistas como Loquillo, Irma Thomas, The Bellrays ou Lisa & The Lips.
O estilo de Gonzalo Arca mestura blues-rock, folk rock americano e baladas acústicas, con referencias que van desde o hard rock setenteiro ao rock sureño, a americana ou mesmo á ranchera. As súas cancións parten de experiencias persoais, contadas cun equilibrio entre poética e crudeza, buscando sempre un son directo e sincero.
Con máis de 20 anos de carreira, Gonzalo Arca comezou como vocalista de distintas bandas galegas e, dende 2012, consolidou a súa traxectoria en solitario, ofrecendo máis de sesenta concertos ao ano e participando en certames como o FEST 2013, o Budweiser Emerge ou as Audicións a Cegas de La Voz, onde interpretou un tema de Bob Dylan.
Programa de Nadal
O Enredo continúa ao longo de decembro coa súa programación de concertos e actividades todos os venres e sábados, buscando converterse nun punto de encontro para as celebracións de Nadal, tanto con amigos como en familia. Ademais, o bar anuncia novidades para final de ano pensadas para público infantil e para aqueles que buscan alternativas de ocio na vila.
