Evento
AXENDA | Debate e casos de éxito sobre apicultura e biodiversidade no Polo de Verín
O Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Verín, en colaboración directa coa cooperativa Verín Biocoop S.C.G., organiza unha xornada técnica presencial que leva por título “Apicultura e territorio: emprendemento sostible no ámbito do Polo de Emprendemento de Verín”. O encontro, deseñado como un espazo de reflexión e intercambio de experiencias, terá lugar o vindeiro xoves, 28 de maio, en horario de 10:00 a 14:00 horas, na sede do propio polo, situada na Estrada do Polígono Industrial nº 99, en Pazos (Verín). As prazas para asistir están limitadas a un máximo de 50 persoas, polo que se require inscrición previa obrigatoria.
A xornada centrarase na posta en valor da apicultura como actividade económica viable, motor de desenvolvemento do rural e ferramenta indispensable para a conservación ambiental e a biodiversidade. O sector enfróntase na actualidade a graves ameazas derivadas de lumes forestais, o impacto do cambio climático e a expansión da vespa velutina. Para dar resposta a estes desafíos, o foro estruturarase en mesas de debate e na exposición de proxectos de éxito de apicultura tradicional e de montaña.
Na primeira parte, exporanse os casos de éxito de tres iniciativas galegas de apicultura artesanal. Participará José Antonio Pazos “Ñaka”, cofundador do proxecto Aialma situado en Souteliño (Laza), recoñecido co ouro nos London Honey Awards 2023; Néstor Ogando, xerente de Frutimel e alcalde da Gudiña, un dos portavoces máis activos en defensa do sector tras os incendios forestais de 2025; e Mónica Herrera, cofundadora de Apícola A Meleira en Viana do Bolo, iniciativa moi vencellada á conservación da cultura tradicional arredor do mel, a cera e o pole de montaña.
A segunda mesa abordará os principais retos técnicos e sanitarios coa participación de Anabel Dacosta, asesora en Verín Biocoop SCG; Vicente Dacal, veterinario oficial da Oficina Rural de Verín da Consellería do Medio Rural; e Román Cid, docente e un dos fundadores da Asociación Abellas Nais. Como convidados especiais intervirán Abel Kavanagh, especialista en radiotelemetría para a localización de niños de velutina en colaboración coa firma neerlandesa ROBOR Nature, e as creadoras do proxecto Chivi-Fire do IES Xesús Taboada Chivite de Verín, quen presentarán un innovador líquido ignífugo biodegradable para protexer colmeas de urxencia en incendios reais. A cita pecharase cunha degustación de meles locais para fomentar o networking.
