Evento
AXENDA | A cultura urbana toma as rúas de Verín co Extruga Festival
Verín volverá converterse os días 17 e 18 de xullo nun punto de encontro para a cultura urbana coa oitava edición do Extruga Festival, unha cita gratuíta que reunirá música en directo, deporte urbano, arte e actividades participativas, e que se consolida como unha das grandes citas do verán, especialmente entre a mocidade de 18 a 35 anos.
O cartel musical estará encabezado por Morodo e Jah Nattoh, acompañados por Unity Sound, xunto a LG1DO, Lil $am, Xian Pais, Tapa D'Orella, Chapamama Crew, Silveiras do Támega, Handiko b2b Andria e un showcase sorpresa aínda por desvelar.
Ademais da música, o programa inclúe unha ampla oferta de actividades: descenso do río Támega, batalla de galos, Liga Xunta de Break, BMX e scooter, zona de realidade virtual, obradoiros de tatuaxe e de break dance, foodtrucks, mercadiño, escape room urbano e sesión vermú, entre outras propostas.
O Concello de Verín colabora un ano máis como patrocinador desta iniciativa, reafirmando o seu compromiso co apoio a propostas culturais que dinamizan a vila, fomentan a participación da mocidade e contribúen a situar Verín como referente da cultura urbana en Galicia.
