Evento
AXENDA | Cruz Vermella e o envellecemento saudable
Cruz Vermella e a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría colaboran para organizar unha conferencia sobre envellecemento saudable e lonxevidade en Verín. Unha charla na que se abordarán cuestións relevantes para un colectivo de atención prioritario para Cruz Vermella: as persoas maiores.
Dirixida á poboación xeral, será impartida polo presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José María Faílde, e
presentada pola presidenta comarcal de Cruz Vermella, Nora Sola.
Tendo en conta que a provincia de Ourense é unha das máis avellentadas de Europa, dende Cruz Vermella buscan promover un envellecemento saudable entre a poboación; é dicir, fomentar pautas para manter a capacidade funcional que permite o benestar en idades avanzadas.
Con carácter gratuíto e entrada libre ata completar aforo, o acto celebrarase o mércores 27 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, e conta coa colaboración do Concello de Verín.
