domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | O cinema social de Mabel Lozano chega a Verín da man do Foro da Igualdade

3/10/25 a 4/10/25
Auditorio de Verín
Mabel Lozano Festival Cine San Sebastian
Mabel Lozano co seu equipo no Festival de San Sebastián, que acolleu a estrea da súa curta documental "Abril: Hoy no es invierno".

O Auditorio de Verín será o punto de encontro para o XXI Foro da Igualdade de FEMURO os días 3 e 4 de outubro de 2025. Baixo o lema “As que resisten: Da ferida á palabra, da palabra á forza”, este evento consolídase como un espazo de compromiso e denuncia, buscando visibilizar a resiliencia das mulleres fronte ao maltrato e promover a educación en igualdade. O Encontro combinará testemuños en primeira persoa, proxeccións de cinema social e espazos de diálogo entre institucións, cidadanía e asociacións de mulleres do rural.

A xornada do 4 de outubro estará marcada pola loita a través da imaxe, coa estrea en Galicia do novo documental de Mabel Lozano, activista e unha das voces máis recoñecidas do cinema social en España. Proxectarase "Abril. Hoy no es invierno", que chega a Verín poucos días despois da súa estrea mundial no Festival de San Sebastián. Tamén se exhibirá "Ava", filme co que Lozano acadou o Goya 2024. Ambas as dúas obras mergúllanse de forma crítica e valente na explotación e na violencia contra as mulleres. As entradas pódense reservar a través do teléfono 988 41 13 90 ou no propio Auditorio de Verín.

Tras as proxeccións, o público terá a oportunidade de participar nun coloquio directo coa directora, coñecendo de primeira man o proceso creativo e a forza das realidades que denuncia. A xornada contará tamén coa inspiradora testemuña de Adriana Cardozo, muller sobrevivente que viaxa desde Canarias para compartir a súa historia de vida e poñer en valor a forza da resiliencia fronte ao maltrato.

Ademais da sesión do día 4, o foro incorpora unha xornada inaugural dedicada ao público xuvenil, cunha ponencia de Noelia Míguez que busca achegar á mocidade ferramentas de detección temperá para previr a violencia desde a base. FEMURO, que agrupa máis de 60 asociacións rurais, reforza así a súa traxectoria de 27 anos na defensa dos dereitos das mulleres.

Comentarios