domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | Carmen V. Valiña presenta "As tolas que non o eran" nunha charla organizada polo CDR Portas Abertas

10/10/25
18:00
Online
Libro As tolas que non o eran, mulleres no manicomio de Conxo
O libro de Carmen V. Valiña recupera a memoria das mulleres internadas en Conxo.

O Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) Portas Abertas organiza unha charla online coa escritora e investigadora Carmen V. Valiña, quen falará do seu libro "As tolas que non o eran: Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936". A sesión, aberta a todo o público interesado na historia e a memoria, terá lugar o próximo venres, 10 de outubro, ás 18:00 horas.

O libro de Carmen V. Valiña trata sobre as que nunca importaron. As tolas que non o eran, rachando as follas co único que non puideron quitarlles: a coraxe para berrar que a historia non sempre é como nola contan. As internas no manicomio de Conxo entre 1885 e 1936 tiñan todos os ingredientes que condenan a unha persoa á marxe: mulleres, aldeás, pobres, analfabetas, rebeldes. Pero as súas vidas gardan a potencia do fondamente humano: a subversión de Amalia fumando cigarros rubios no vapor Habana; a carta que María envía á súa filla despois dun Nadal no inferno; a mirada sen esperanza de Elena, a quen imaxinas amasando nas mans da neta e non na cesta de costura dun manicomio. 

En cada relato emerxe un escintileo que nos interpela: “Estou aquí e quero que me escoites”. Todas elas regaláronnos a súa mirada a través das paredes do manicomio e as súas palabras para escoitar a voz das vencidas. Porque o que queda nas cunetas da historia merece ser contado. A charla afondará en temas como o perfil das pacientes internas no psiquiátrico de Conxo, a pregunta de se eran "Tolas ou rebeldes?" e a necesidade de recuperar a memoria das rebeldes. 

O evento será ofrecido a través da plataforma Teams, nunha caharla online coa autora; se ben tamén se ofrece a posibilidade de seguilo dende a oficina do CDR Portas Abertas (Av. de Laza). A inscrición é necesaria para poder recibir a ligazón de Teams e debe realizarse mediante o código QR que figura no cartel.

20251010 Portas Abertas charla online Carmen V Valiña autora
A inscrición debe facerse a través do código QR deste cartel.

Comentarios