domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | A campaña "Os 6000 de Verín" entra na súa última semana antes do sorteo do día 24

4/1/26
18:00
Pavillón Municipal
Gala de Nadal de AEVER no 2024.
Gala de Nadal de AEVER no 2024.

Asociación de Empresarios de Verín (AEVER) encara a recta final do ano cunha axenda cargada de actividades deseñadas para dinamizar a vila e premiar a fidelidade da clientela. O prato forte desta programación será a tradicional Gala de Nadal, que regresará o vindeiro 4 de xaneiro ás 18:00 horas ao Pavillón Deportivo, aínda que a actividade comezará moito antes nas rúas.

A gala preséntase como unha cita familiar imprescindible que reunirá humor, música e artes circenses. O cartel está encabezado por Fran Rei e Félix Rodríguez, da man de Culturactiva, co seu espectáculo "Saaabor de Nadal!", unha proposta cómica onde dous cociñeiros elaboran un menú escénico con ingredientes de consumo responsable e apoio ao local. A festa completarase cos ritmos de Paco Nogueiras, un referente da música infantil galega coñecido pola súa enerxía en directo, e coa espectacularidade de Zirko Txosko, que ofrecerá números de acrobacias e equilibrios cargados de técnica e risas.

Para asistir a este evento, AEVER mantén a súa filosofía de vincular o ocio co apoio ao tecido económico: a entrada é gratuíta, pero debe conseguirse realizando compras nos establecementos asociados. Deste xeito, cada tique convértese nun pase para a cultura e nun xesto de compromiso co comercio de proximidade. Ademais, a cita terá un compoñente solidario coa presenza da protectora de animais Miquiños, que contará cun stand informativo e de recadación de fondos no recinto.

Música na rúa e recta final dos sorteos Antes da gran gala, a actividade non se detén. Este mesmo sábado, 20 de decembro, a agrupación Nova Era protagonizará un pasarrúas musical de 17:00 a 19:00 horas para animar o ambiente de compras. Paralelamente, continúa activo o concurso de escaparates, onde son os propios clientes quen actúan de xurado votando a través da web de AEVER. Entre os participantes sortearanse tres pasaportes de compra de 50 euros.

Todo isto sucede mentres se esgotan os últimos días da gran campaña "Os 6000 de Verín". As papeletas pódense depositar nas urnas ata o día 23, xa que o esperado sorteo dos 19 premios que suman 6.000 euros celebrarase o mércores 24 de decembro.

Cartel da Gala de Nadal AEVER 2025.
Cartel da Gala de Nadal AEVER 2025.