domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | Barreira, Castro y Rivada doan 5 obras para a rifa solidaria do CMUS

14/2/25 a 7/6/25
Conservatorio de Música de Verín
250213 ARTE E MUSICA_CMUS VERIN_RIFA SOLIDARIA

A unión fai a forza e a solidariedade mailo compañerismo son capaces de acadar fitos sorprendentes. Os nosos recoñecidos artistas locais Fernando Barreira, Rafael Castro e Xosé Rivada veñen de ceder 5 das súas obras ao Conservatorio de Música de Verín coa intención de recadar fondos cos que poder mercar instrumentos musicais e que o alumnado poda realizar unha saída educativa.

Baixo o título "Arte e Música", o CMUS pon en marcha unha rifa que posibilitará obter unha obra de Barreira, Castro ou Rivada por tan só 2€. Os tres son recoñecidos e cotizados artistas, e poñen a disposición do Conservatorio as seguintes pezas:

  • Los guerreros de la Paz, de Fernando Barreira
  • Atardecer en el mar, Natureza morta e Flores, de Xosé Rivada
  • Peliqueiros 1925, de Rafael Castro

En total, a partir da vindeira semana poranse á venda 4.000 boletos para unha rifa que se resolverá durante a Gala de Fin de Curso do Conservatorio de Música de Verín que se vai celebrar o 7 de xuño de 2025. O CMUS conta coa colaboración da súa ANPA e do Concello de Verín nesta iniciativa que busca darlle pulo ao espazo de formación musical da vila.

Procedemento do sorteo

Durante a Gala de Fin de Curso, extraeranse os nomes das obras dunha bolsa e asignaráselles un número de orde. Posteriormente, sortearase un número de boleto para cada obra. Os números premiados serán publicados nas redes sociais e nos taboleiros do CMUS.

Se os premios non son reclamados antes do 15 de xuño de 2025, sortearanse entre os números de reserva e poderanse recoller ata o 22 de xuño de 2025. Se os cadros non son reclamados tras esgotar os números de reserva, pasarán a formar parte do patrimonio artístico do CMUS.

Comentarios