Evento
ACTIVIDADES DE NADAL | Verín celebra a súa primeira San Silvestre o día 31 co Club Val do Támega
A vila de Verín contará este ano cunha nova proposta para despedir o 2025 dun xeito activo e festivo. O Club Val do Támega, en colaboración co Bar Enredo, organiza a I San Silvestre de Verín, unha iniciativa que nace co obxectivo de fomentar o deporte e a convivencia veciñal sen a presión da competición.
A cita terá lugar o propio día 31 de decembro pola mañá e concíbese como unha "quedada" ou social run. A diferenza das carreiras tradicionais, non haberá cronómetros, clasificacións nin necesidade de inscrición previa. O obxectivo é desfrutar correndo en grupo, permitindo incluso que os participantes acudan disfrazados para darlle cor ás rúas.
Tres distancias para todos os niveis O punto de encontro será a terraza do Bar Enredo ás 11:30 horas. Dende alí realizaranse tres saídas graduadas para que calquera persoa poida participar segundo a súa forma física:
-
12:00h: Saída do percorrido longo (aprox. 9 km) cara a Tintores.
-
12:10h: Saída do percorrido medio (5 km) cara a Vilela.
-
12:20h: Saída do percorrido curto (3 km) cara á Pousa.
Membros do Club Val do Támega, unha entidade de recente creación enfocada no atletismo de base, guiarán os grupos en todo momento.
