domingo. 19.07.2026

Evento

ACTIVIDADES DE NADAL | Noa González Sousa presenta "El arte de matar"

22/12/25
19:30
Casa da Cultura de Verín

Este luns 22 de decembro, ás 19:30 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín acollerá a presentación do libro "El arte de matar", da escritora verinesa Noa González Sousa.

A novela arrinca cunha tormenta que marca o inicio dunha historia na que o pasado e o presente se entrelazan. Tras a morte dos seus pais, Oriol vese obrigado a regresar á súa cidade natal, abandonando o seu soño de triunfar como pintor en Europa. Paralelamente, a inspectora Gala investiga o asasinato de tres mulleres no centro de Madrid, tratando de descubrir se existe relación entre as vítimas ou se as súas mortes son froito do azar. Un caso no que a arte e o crime avanzan da man ata converterse nunha mesma cousa.

A presentación será unha oportunidade para coñecer de preto á autora e achegarse a unha obra que combina intriga, arte e crime, nun encontro aberto a todo o público.

Sobre a autora

Noa González Sousa (Verín, 1984) é asesora xurídica de profesión e compaxina o seu traballo coa súa paixón pola lectura, a escritura e a participación no podcast "Leer antes de quemar". É autora de "Corpus Delicti", unha obra de ficción criminal que mestura relato curto e expresión gráfica a través de collages que acompañan cada historia.

Con El arte de matar, a autora dá un paso máis na súa traxectoria literaria, apostando nesta ocasión pola novela negra e deixando a un lado o formato breve para mergullarse nunha narración máis extensa.