Evento
AXENDA | Larouco celebra a XVIII Festa do Cordeiro cun programa para toda a familia
A localidade de Larouco volverá converterse no epicentro da tradición e da boa gastronomía coa celebración da XVIII Festa do Cordeiro o vindeiro sábado, 26 de abril. Un evento que ano tras ano congrega a centos de persoas dispostas a gozar dunha xornada de festa en compañía de familiares, amigos e veciños.
A festa non se limita á mesa, a música en directo do "Dúo Arcoiris" e do grupo "Agarabía Folk" amenizará a xornada, mentres a cativada poderá desfrutar de monitores e inchables especialmente preparados para ela. Ademais, coma xa é tradición, celebrarase o clásico campionato de petanca para amantes deste popular xogo.
A partir das 14:00 horas, o Pavillón Municipal acollerá o esperado xantar. O menú promete ser un festín para os sentidos, con entrantes e empanada como preludio a un suculento cordeiro ao forno de leña acompañado de ensalada. Para maridar esta deliciosa proposta, non faltarán os excelentes viños Godello e Mencía da zona; e, para rematar, a tradicional bica local con café e licores.
Cun prezo de 25€ para adultos e 10€ para menores, as entradas poderanse adquirir ata o mércores 23 de abril. Pero esta edición trae consigo unha sorpresa engadida: a visita da campaña "Galicia Sabe Amar". Dende as 12:30 e ata as 14:00 horas, todas as persoas poderán deleitarse cunha degustación de exquisitos produtos do mar galego fronte á igrexa, o aperitivo perfecto para ir abrindo boca antes do prato estrela.
