Evento
AXENDA | Riós acolle a xornada "A Galicia que arde", un debate sobre os incendios forestais
O PSdeG-PSOE desenvolverá no Riós unha xornada de debate sobre a vaga de incendios forestais de agosto. Baixo o título “Diálogos con Raíz: A Galicia que arde”, o evento centrarase na análise da problemática dos incendios forestais e nas estratexias para a súa prevención.
Terá lugar ao longo da mañá deste sábado, 27 de setembro de 2025, no Restaurante Gandainas de Fumaces, no Riós, a partir das 10:00 horas. A clausura do evento está prevista para as 13:30h e correrá a cargo do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
Programa e protagonistas
O programa divídese en dúas mesas de traballo. A primeira, que dará comezo ás 10:45h, leva por título Os incendios de 2025. Como e por que?. Nela intervirán Juan Picos, profesor de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente na Universidade de Vigo, o bombeiro forestal da BRIF de Laza Cristóbal Medeiros, e Marina Vaz, gandeira e Secretaria de Coordinación da bisbarra de Verín no PSdeG que colaborou como voluntaria fronte aos incendios no Riós, ofrecendo unha visión multidisciplinar da situación.
Tras a pausa café, a xornada continuará ás 12:20h coa segunda mesa de debate: Que facer para que non se repita? O panel de expertos e expertas para esta sesión inclúe a Claudio Quintillán (Instituto Galego de Terras en Man Común), Jacobo Feijóo (Unións Agrarias) e Raquel Carreira (Asociación de Enxeñeiros/as Forestais da Xunta de Galicia), que buscarán achegar solucións e propostas de futuro.
