domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | Os Bolechas chegan ao Riós con "A muller orquestra"

14/11/25
18:00
CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira (O Riós)
Os Bolechas, a muller orquestra, xira
Un espectáculo teatral de monicreques que combina música e dinamización lingüística. | FOTO: Os Bolechas.

Os Bolechas están de xira co seu espectáculo teatral de monicreques "A muller orquestra", dirixido ao público cativo e ás súas familias. E chegan ao Riós cunha proposta lúdica que combina música e dinamización lingüística. A obra céntrase en Pili Bolechas, quen, ante a falta de interese dos seus irmáns Carlos, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa, decide converterse nunha orquestra ela soa.

Pili constrúe un escenario musical e, a pesar do escepticismo inicial, dispónse a tocar diversos instrumentos: bombo, pratos, trombón, clarinete, saxofón, frauta e moitos máis. A medida que as melodías do tambor, a guitarra ou o piano soan no teatro de monicreques, a cativada terá a oportunidade de experimentar cos instrumentos, aprender diferentes estilos musicais e participar coa familia na creación das súas propias cancións.

20251114 Os Bolechas O Riós A muller orquestra

O espectáculo poderá verse no CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira o venres 14 de novembro ás 18:00 horas.

FalaRedes: música e galego

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa FalaRedes, promovido pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, que busca ampliar a oferta de ocio no noso idioma e motivar o coñecemento do galego. O espectáculo está orientado especificamente a un público cativo de entre 4 a 9 anos e ás súas familias, buscando reforzar a música como un elemento de conexión entre as persoas e o idioma.

Comentarios