Evento
AXENDA | As Chás acolle unha nova sesión sobre a xestión forestal conxunta
O movemento para mellorar a xestión dos montes e soutos da comarca segue adiante. Tras a sesión informativa no Riós, a iniciativa esténdese agora á parroquia de As Chás (Oímbra), onde se celebrará unha nova charla informativa sobre as "Agrupacións forestais de xestión conxunta".
Dirixida especialmente a aquelas persoas con terras forestais na zona, a charla dará a coñecer as posibilidades que ofrece esta ferramenta de xestión forestal para garantir o futuro e a saúde dos nosos montes. Ao longo da sesión, explicaranse as vantaxes das Agrupacións Forestais fronte á proliferación de ermos e os retos fitosanitarios.
Unha solución fronte ao abandono
As "Agrupacións forestais de xestión conxunta" son unha nova figura de colaboración pensada para que os propietarios poidan unirse e traballar de forma organizada, mantendo a propiedade individual da súa parcela. Este modelo preséntase como unha solución eficaz ante dous problemas crecentes: a proliferación dos ermos e o abandono dos soutos.
Durante a sesión, explicaranse en detalle as vantaxes deste modelo de xestión, que inclúen:
- Loita máis eficaz contra as pragas e aplicación de tratamentos fitosanitarios conxuntos.
- Mellora do rendemento dos soutos e da produción forestal.
- Comercialización conxunta da castaña, que permite obter mellores condicións.
A cita, organizada polo Centro Agroforestal do Riós, terá lugar o xoves, 13 de novembro, ás 18:00 horas, no Centro Social de As Chás.
