domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | Laza celebra por fin a súa IV edición do Ponte Farruca tras ser dous meses adiado

25/10/25 a 26/10/25
Laza
Imaxe da edición pasada durante a Tractorada. | FOTO: Noelia Caseiro.
Imaxe da edición pasada durante a Tractorada. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Concello de Laza prepárase para vivir unha nova edición da romaría-festival Ponte Farruca, unha cita que en poucos anos se converteu nun referente de igualdade e cultura no rural galego. Logo de ser posposto debido aos graves incendios que tiveron lugar na nosa comarca no pasado mes de agosto, esta nova edición terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 de outubro, cunha chea de actividades para todos os públicos e unha potente oferta musical encabezada por Tanxugueiras.

Organizada pola asociación cultural enLAZAd@s, Ponte Farruca combina a tradición das festas de aldea co espírito contemporáneo dun festival, promovendo valores como a igualdade, a diversidade e a visibilidade LGTBI+.

O evento contará con diversos espazos: feira de artesanía, zona de food trucks, pulpeiro e escenario principal. Todas as actividades da romaría son de balde, agás o xantar popular, que require reserva previa (aforo limitado a 150 persoas; entradas dispoñibles nos bares de Laza ou na web oficial do Ponte Farruca).

Programación completa

Sábado 25 de outubro

  • 10:00 h: Apertura da feira de artesanía

  • 11:00–12:30 h: Obradoiro “Reverdecer”, a gran novidade desta edición. Esta actividade nace como resposta simbólica e práctica á vaga de incendios que afectou á comarca este verán. O obxectivo é promover a conciencia ambiental e o coidado do territorio, implicando ás persoas asistentes na recuperación do verde e na reflexión sobre o futuro do rural galego.

  • 12:00–13:30 h: Sesión vermú coa Charanga Os Kokakolas

  • 12:30–14:00 h: Tractorada engalanada, un dos momentos máis esperados da festa

  • 13:30 h: Xantar popular 

  • 16:30–17:30 h: Obradoiro de cantos de taberna

  • 17:00 h: Xogos labregos

  • 18:00–19:30 h: Farruca Deis, baile e música para quentar motores

Concertos do sábado

  • 21:20–22:10 h: Unto Vello

  • 22:30–23:20 h: Tanxugueiras (en acústico)

  • 23:40–00:30 h: Alana

  • 00:50–03:00 h: Señora DJ

Domingo 26 de outubro

  • 11:30 h: Reapertura da feira de artesanía

  • 12:30–13:30 h: Obradoiro de baile

  • 14:00 h: Xantar con pulpeiro

  • 16:30 h: Cinema rural “Antes de Nós”, para poñer o broche final á romaría

Unha festa con alma

Ponte Farruca non é só unha romaría: é un encontro interxeracional e reivindicativo que pon en valor o rural galego dende unha mirada diversa, creativa e aberta. Entre tractores engalanados, obradoiros participativos e artistas de primeiro nivel, Laza volve ser este fin de semana o epicentro da igualdade e da festa con identidade propia.