Evento
AXENDA | Campus de fútbol mixto do Verín CF
O Verín Club de Fútbol anuncia a celebración do seu Campus de Fútbol Mixto 2025, unha iniciativa que se desenvolverá do 28 de xullo ao 1 de agosto no Campo José Arjiz da vila, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Dirixido a nenos e nenas de 5 a 15 anos, este campus vai máis alá da simple práctica deportiva. O obxectivo principal é promover o deporte en igualdade, fomentando valores tan importantes como o compañeirismo, o esforzo e a convivencia. Unha aposta clara do Verín CF pola base e pola promoción do deporte como ferramenta de integración social e desenvolvemento persoal, tal e como subliñan dende o propio club.
A inscrición para participar neste evento ten un prezo de 120 €. Non obstante, o Verín CF ofrece unha tarifa reducida de 100 € para aquelas familias nas que un dos proxenitores retire o carné de abonado do club para a tempada 2025/26. O desconto aplicarase directamente no momento de retirar o abono. O campus inclúe seguro médico, diploma acreditativo e adestramentos específicos tanto para porteir@s como para xogador@s. Como incentivo adicional, os inscritos contarán cun desconto no carné de soci@ do Verín CF para a vindeira tempada 2025/26.
As prazas son limitadas, polo que se recomenda non demorar a inscrición, que se deberá realizar a través desta ligazón. Unha oportunidade única para desfrutar do fútbol, aprender e facer novas amizades nun ambiente inclusivo e divertido.
