Evento
AXENDA | Cigarróns, boteiros e fulións serán os protagonistas na previa do Celta – Leganés
O RC Celta inicia nesta xornada a súa homenaxe ao Entroido galego co obxectivo de dar visibilidade e poñer en valor o patrimonio cultural de Galicia. O equipo vigués quere contribuír a transmitir ás novas xeracións e dar a coñecer ante toda a audiencia de LaLiga a riqueza e diversidade desta festividade tan nosa.
Nesta primeira edición da homenaxe ao Entroido galego en Abanca Balaídos os grandes protagonistas serán os Cigarróns de Verín e os Boteiros e Fulións de Viana do Bolo, nunha sesión de fútbol dobre cos partidos Celta – Leganés ás 14:00h. e As Celtas – Deportivo da Coruña B ás 19:00h.
Estes icónicos personaxes saltarán ao céspede do estadio pouco antes da saída dos xogadores, enchendo de cor e enerxía o ambiente e poñendo en valor unha tradición que se remonta por centos de anos atrás.Ademais, ao finalizar o partido entre o Celta e o Leganés e antes do inicio do As Celtas – Dépor B, a celebración do Entroido continuará nos exteriores do estadio coa degustación da comida típica destas datas: filloas, orellas, flores de entroido e empanada.
A xornada concluirá cun partido crucial para As Celtas, que se medirán ao Deportivo da Coruña B nun duelo vital para as súas aspiracións de ascenso na súa primeira tempada de competición.
