Evento
AXENDA | A memoria das minas da bisbarra cobra vida en Vilardevós e Verín
Dobre cita coa memoria e a historia da bisbarra en dúas xornadas centradas no, case, esquecido patrimonio mineiro. Un documental e unha charla afondarán no que significaron as minas de estaño e no impacto que supuxeron non só para a nosa terra, tamén para a sociedade. As entidades Ecoloxistas en Acción (Ecoloxistas en Acción), Aqueladas, o CDR Portas Abertas e a Plataforma Comarcas Limia - Verín Non ás Minas organizan dúas sesións dunha xornada de reflexión e coñecemento que prometen ser reveladoras.
O prato forte será a presentación do segundo episodio da serie de documentais “Dende que veu a mina”, producido por Ecoloxistas en Acción e realizado por Aqueladas. Unha serie de curtametraxes que busca rescatar a memoria dos impactos da minaría en distintos lugares da Galiza e que, neste capítulo, mergúllase na historia ambiental e social das minas de estaño da comarca. A través de testemuños de veciñas e veciños de Vilardecervos, como Antonio Fernández, Bernardo Pascual, José García e Tamara Balboa, explícase o que significaba convivir día a día cunha mina e como afectou á contorna natural e á vida cotiá. O documental, ademais, alerta da ameaza que supoñen os novos proxectos de extracción de litio nun territorio que aínda non curou as feridas da minaría pasada.
Ademais, as xornadas contarán coa participación do recoñecido antropólogo forense Fernando Serrulla, quen abordará nunha charla o tema "As minas da Comarca de Monterrei, un patrimonio cultural esquecido". Será unha oportunidade única para profundar na riqueza histórica e cultural que, a miúdo, permanece oculta baixo terra ou na memoria colectiva.
A primeira cita será este venres, 20 de xuño, ás 19:30 horas, no Centro do Contrabando de Vilardevós. A segunda terá lugar o xoves, 26 de xuño, ás 19:30 horas, na Casa da Xuventude de Verín.
