domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | Un domingo para "enredar" en familia

15/6/25
16:00
O Enredo. Praza da Alameda 25, Verín
O_Enredo_Apertura-19-enredamos

O Enredo de Verín volve propoñer un plan que vai máis alá que tomar un café nunha terraza. Pensando en todas esas familias que buscan referentes, ideas e experiencias para criar con liberdade e respecto, o local programa dúas actividades complementarias: unha sesión de contacontos co selo de Raquel Queizás e un coloquio sobre crianza e educación con profesionais da comarca. Será este domingo, 15 de xuño. Ambas actividades serán de balde.

A conversa "Educar en compañía, compartir para medrar" propón un espazo aberto e informal para reflexionar sobre a crianza na primeira infancia. Participarán profesionais da educación e familias da contorna, co obxectivo de compartir experiencias, incertezas e ferramentas reais. Abordaranse temas como o apego, a importancia das redes, os retos educativos actuais e o papel da escola. 

20250613 o Enredo, Raquel Queizás, travesías
Raquel Queizás chega co seu espectáculo "Travesías: aventuras de libro".

O espectáculo "Travesías: aventuras de libro", de Raquel Queizás, artista local con milleiros de "contadas" polo país adiante, traerá viaxes cheas de aventuras nas que coñeceremos a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños.

Actividades e horarios

  • Coloquio “Educar en compañía, compartir para crecer", ás 16:00 horas: organizado pola academia local "En clase con Julio", contará coa participación de Mariam Tierno López (Psicopedagoga, mestra de Audición e Linguaxe e Directora CEIP Princesa de España), Paula Campos Álvarez (Pedagoga e futura mestra de Educación Primaria) e Julio Alvar Rodríguez (Mestre de Ed. Primaria e Ed. Especial e director do centro de reforzo educativo “En Clases con Julio”). O aforo será limitado, para garantir a participación do público, polo que será necesario inscrición previa a través do teléfono +34 644 79 28 26.
  • Contacontos "Travesías: aventuras de libro", ás 19:00h.: Raquel queizás traerá un espectáculo revolucionario. Ata fai moi pouco tempo os contos infantís reflectían un mundo onde os mozos eran sempre os heroes que salvaban a unha débil princesa e case nunca aparecían mozas decididas e resoltas. Pero agora podemos contar con contos que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos e entre mulleres e homes. Non será necesario inscrición previa.

Comentarios