Evento
AXENDA | Alberte Blanco Casal presenta "O Pazo das Marismas", finalista ao Premio Xerais de Novela 2025
A Casa da Cultura de Verín acollerá o este xoves 26 de marzo, ás 19:30 horas, a presentación da novela "O Pazo das Marismas", obra do escritor galego Alberte Blanco Casal e finalista ao Premio Xerais de Novela 2025.
O acto contará coa presenza do propio autor, que estará acompañado por Pepe Paz, enxeñeiro técnico agrónomo; Aurora Prieto Tarrío, representante da biblioteca municipal de Verín; e Samanta Barreira, concelleira de Cultura do municipio.
A novela, que xa espertou gran interese no panorama literario galego, sitúa ao lector nunha historia cargada de simbolismo e emoción, consolidando a traxectoria literaria de Blanco Casal como unha das voces a ter en conta na narrativa actual.
A presentación será unha oportunidade única para achegarse á obra, coñecer de primeira man o proceso creativo do autor e compartir un encontro arredor da literatura nun espazo aberto a toda a veciñanza.
Sinopse
Durante a Primeira Guerra Mundial, os señores do Pazo das Marismas teñen que enfrontarse a conflitos xeracionais e protestas obreiras, mentres que unha serie de ataques violentos e asasinatos descubrirán as conexións entre crimes locais e plans militares secretos. Nunha atmosfera chea de misterio, tensión e cambios sociais, o pazo do fondo da Ría de Vigo convértese nun escenario de conspiracións e espionaxe internacional entre alemáns e británicos, cos intereses das grandes potencias sempre presentes.
Cun estilo áxil e moi cinematográfico, a novela combina a intriga do thriller co plano histórico e a crítica social, conformando un relato coral onde cada personaxe garda segredos e ambicións. Os diálogos vivos e as descricións coidadas transpórtannos a un momento de encontro entre tradición e modernidade onde as relacións de poder, paixón e traizón se entrelazan.
