Evento
AXENDA | Campionato de España e Galicia de parapente en Cualedro
A parroquia da Xironda, aos pés da Serra do Larouco en Cualedro, será o escenario do Campionato de España e Galicia de Parapente de Precisión, unha competición de alto nivel con 60 participantes de 13 nacionalidades diferentes xa inscritos, incluíndo dez mulleres, que amosarán a súa destreza e precisión nos ceos de Cualedro.
Este campionato non só representa unha oportunidade para gozar do espectáculo aéreo, senón tamén para visibilizar a capacidade organizativa e o atractivo natural de Cualedro para acoller probas deportivas de calado nacional e autonómico. O evento, que contará co apoio da Xunta de Galicia, celebrarase entre os días 1 e 3 de agosto, subliñando unha vez máis o potencial da Serra do Larouco como destino privilexiado para o turismo deportivo e activo.
A Federación Aeronáutica Galega e o Club Voolarouco son os organizadores dun campionato que supón o regreso da competición estatal a Ourense, desta volta na modalidade de precisión, tras acoller no 2024 o Campionato de España de Parapente en distancia libre.
