Evento
AXENDA | A VII Xuntanza de Fulións na Veiga unirá personaxes dunha ducia de entroidos e 17 folións
A Veiga porá o broche final ao seu entroido este sábado coa xa tradicional Xuntanza de Fulións organizada pola asociación cultural "O Son de Trevinca". Será a sétima edición dun desfile que este ano contará con 17 folións e a participación de máis dunha decena de personaxes e máscaras tradicionais dos entroidos de Galicia. En total, 26 grupos participan nun desfile que arrancará no fondo da vila ás catro da tarde para percorrer a rúa principal ata a Praza do Pulpo.
Ademais dos Charrelos e o Boi -figuras do entroido da Veiga-, acompañarán aos folións Cabreiros de Muíños, Boteiros de Viana, Vilariño de Conso e Mormentelos, Oso de Salcedo, Vellarróns do Riós, Follateiros de Lobios, Chocalleiros de VIlardevós, Felos de Maceda, Peteiráns de Freas e os Danzantes e Vellos de Vilameá.
Non faltará A Morte, figura típica de Valdín que simboliza o peche do entroido e a morte da festa, e que porá o punto final ao entroido da Veiga acompañada polos fachóns. Xa pola noite, o pavillón municipal acollerá o fin de festa coa charanga El Tattoo e a actuación musical de DJ Josete a partir das 22:30h.
Folións participantes
Ademais do Fulión da Veiga, participarán na xuntanza os folións Cabo da Vila, Piñeiro, Petín, Fradelo, Buxán, Vilariño, Mormentelos, As Maceiras, Bembibre, Carracedo da Serra, O Tameirón, Penouta, Os Labregos, Chandrexa, Os Arrieiros de Petín e Valdín Porto.
A VII Xuntanza de Fulións é unha oportunidade única para ver nun mesmo lugar diversos personaxes tradicionais dos entroidos de Ourense e gozar do sentimento de unión creado polo ritmo dos folións chegados dende diversas aldeas. O pasado 15 de febreiro, o Fulión da Veiga fixo tremer a entroideiros e entroideiras en Xinzo de Limia. O que será, ter 17 fulións facendo soar os bombos polas rúas da Veiga.
