viernes. 03.05.2024

Evento

AXENDA | Entroido 2024 Castro

10/2/24 a 13/2/24
Castro, Laza.
20240210 Entroido Castro

As aldeas de Castro, Naveaus e Tamicelas celebran o Entroido de xeito conxunto. Unha tradición ancestral na que non hai horarios fixos, un festexo conxunto das tres aldeas da parroquia de Castro de Laza. 

Os sábados fanse os folións... cando xorde; cando algúns deciden coller bombos e fachóns e ir percorrer as rúas.

Oficialmente, o Entroido de Castro comeza o sábado 10 de febreiro; día para sacar a fariña e botarlla a todas as persoas que atopan no camiño antes de ir cear e prepararse para a verbena. A música corre a cargo de "Os Calandracas". domingo de Entroido é a Estrea dos Peliqueiros á saída da misa, xúntanse para correr na praza antes do reparto da bica.  

O luns, collen os tractores para trasladarse ata a aldea veciña e celebrar a tradicional farrapada ó redor das 12 horas. Logo, hora do xantar popular para convidar ós veciños e veciñas. Á tarde, no luscofusco ou cando a xente menos o espere, sairán as dúas morenas coas formigas, a fariña e os toxos. Como cada noite, tamén haberá verbena.

Remata o Entroido de Castro o martes cun xantar popular no que cada un leva o que pode para compartir entre todos. Despois, toca ler o testamento do burro antes de finalizar a xornada coa cea popular e a última verbena do Entroido.