Evento
AXENDA | Concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Verín
O Auditorio de Verín prepárase para a actuación de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre nunha noite máxica de música e emoción na que presentarán o seu último disco: "Axúdame a sentir". Unha oportunidade única para gozar da música ao vivo co novo traballo deste grupo que leva case unha década dignificando e recuperando a música tradicional galega.
Como explica o propio Xabier Díaz: «"Axúdame a sentir" dicíame Obdulia con frecuencia, a miña avoa materna. Foi unha de tantas catedráticas sen título nesa célebre universidade da vida. Nada hai máis necesario que sentir e tampouco hai momento máis acaído para perseguir ese verbo que os tempos nos que vivimos: as humanidades esvaécense ao tempo que medra o binomio virtual-máquina. As artes, en xeral, atenderon historicamente a nosa necesidade de sentir. Ese lugar sen algoritmos é unha casa que debemos visitar tantas veces como nos sexa posible. Celebrar a non virtualidade, abrazarnos, escoitar, beber, bailar, sentir, escribir, debuxar, cantar, soñar...».
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre presentarán a que é a súa cuarta colaboración, un disco que convida ao público a recuperar o valor de "sentir". Podes escoitar unha das cancións que se inclúen no disco "Axúdame a sentir" clicando na seguinte ligazón: Rumboia viva. O concerto terá lugar o vindeiro 21 de decembro no Auditorio de Verín ás 20:30 horas. As entradas xa están dispoñibles na web oficial www.ataquilla.com.
