Evento
AXENDA | A Mezquita celebra as Letras Galegas con actividades para todas as idades
O Concello da Mezquita ten preparada unha programación especial para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025, que este ano rende homenaxe ás figuras das cantareiras. A celebración desenvolverase ao longo do mes de maio con diversas actividades temáticas pensadas para todas as idades.
Os actos comezarán este domingo 11 de maio coa celebración dunha foliada aberta no bar A Palleira. A partir da tarde, veciñanza e visitantes poderán gozar da música tradicional e participar activamente na troula nun ambiente festivo e de encontro. A programación continuará o xoves 15 de maio cun obradoiro de creación de chapas conmemorativas para deseñar e elaborar recordos personalizados da celebración das Letras dedicadas ás cantareiras.
Para a cativada, o Concello da Mezquita organiza o concurso "Ilustra unha cantiga". Os nenos e nenas terán de prazo ata o luns 19 de maio para entregar os seus debuxos inspirados en cantigas populares. Un xurado escollerá o traballo máis orixinal, que recibirá un agasallo. A semana de celebración culminará o luns 19 de maio cunha fornada interxeracional no tradicional forno da Mezquita; unha actividade que busca promover o encontro entre diferentes xeracións arredor dunha práctica ancestral como é a elaboración do pan.
