domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | Os Torgueiros organizan un obradoiro de compadres e comadres para por en valor o Entrudio da Gudiña

25/1/26
16:30
Casa da Viúva
Imaxe promocional do obradoiro "Pasado e presente do Entrudio da Gudiña" organizado pola AC Os Torgueiros.
Imaxe promocional do obradoiro "Pasado e presente do Entrudio da Gudiña" organizado pola AC Os Torgueiros.

AC Os Torgueiros organiza o vindeiro domingo 25 de xaneiro, ás 16:30 horas, na Casa da Viúva da Gudiña, un obradoiro de compadres e comadres baixo o título "Pasado e presente do Entrudio da Gudiña". Esta actividade está centrada na recuperación, transmisión e posta en valor das tradicións propias do Entroido local, buscando manter viva a memoria colectiva e o saber facer popular a través da participación comunitaria.

A elaboración artesanal destas figuras constitúe un dos elementos máis singulares do ciclo festivo da zona. O obradoiro está aberto a persoas de todas as idades e contará coa participación de veciñanza con coñecemento directo destas prácticas, favorecendo así unha aprendizaxe interxeracional que respecte os materiais e formas tradicionais.

A participación é de balde para as persoas socias da asociación e ten un custo de 5 euros para non socias, incluíndo todos os materiais necesarios. As persoas interesadas en asistir deben realizar a súa inscrición antes do día 22 de xaneiro chamando aos teléfonos 699 648 789 ou 609 183 082. Esta iniciativa forma parte do traballo continuado dos Torgueiros en defensa da cultura popular da Gudiña.