Evento
AXENDA | Roteiro guiado para coñecer as minas de estaño do val do Ribeira
A Asociación Os Torgueiros da Gudiña organiza un roteiro guiado polas históricas minas de estaño de Pentes e Barxa, un percorrido para coñecer o patrimonio mineiro da zona do val do Ribeira.
Durante o percorrido, os participantes poderán coñecer as minas de Trabisquedo e Valgrande, explotadas desde a época antiga. A minería do estaño foi parte da vida das aldeas, combinándose co traballo do campo e deixando pegadas tanto na paisaxe como na memoria oral da contorna. Ademais das minas, o percorrido inclúe a visita ao Petroglifo de Leiras da Preseira e á zona natural dos Pelamios e Muradellas.
A ruta, de 8,2 quilómetros en descenso polo val, ten unha duración estimada de dúas a tres horas, cunha dificultade baixa-moderada, sendo un percorrido apto para a maioría de persoas. Será este sábado, 27 de setembro, con saída ás 10:00 horas desde a Ponte da Ribeira, na Gudiña.
A inscrición ten un custo de 3 euros para socios e 5 euros para non socios. O prazo para anotarse remata mañá, 25 de setembro, a través dos teléfonos 609 183 082 ou 699 648 789. Recoméndase levar roupa e calzado adecuado e auga, o avituallamento entra na inscrición e terá lugar na zona recreativa das minas de Barxa. A actividade está cuberta con seguro de responsabilidade civil.
