Evento
AXENDA | Xornada de homenaxe "A Raia seca solidaria"
A asociación Amigos da República de Ourense organiza unha xornada de homenaxe a Alfredo Yáñez "O Aguirre", guerrilleiro antifascista da Veiga, e á veciñanza de Sernande (Vinhais, Portugal) que tanto axudaron aos refuxiados que alí fuxiron.
Baixo o título "A Raia seca solidaria", desenvolverase un acto de lembranza e agradecemento á solidariedade que atoparon as persoas que fuxiron da Ditadura franquista entre 1936 e 1947 e se refuxiaron na zona da actual União de Freguesias de Quirás e Pinheiro Novo, especialmente na aldea de Sernande.
A xornada celebrarase o sábado 25 de maio en dous tempos: pola mañá terá lugar nas terras portuguesas de Sernande, onde se realizará a homenaxe a "O Aguirre", soterrado alí sen lápida, e á veciñanza da raia que tanto padeceu por axudar aos perseguidos e perseguidas.
Xa pola tarde, os actos trasladaranse á Gudiña. A Casa da Viúva acollerá a proxección do documental "A Menina que vía homes encadeados" e unha conferencia sobre a resistencia antifranquista en Portugal na que participarán o historiador Dionísio Pereira e Alejandro Rodríguez, historiador membro do Grupo Sputnik Labrego.
