Comparte responsable de redes sociais con Trasmiras, consitorio que cometeu o mesmo erro

O Concello presidido por Tamara Balboa tamén honrou a Villalta no Día das Letras | NOTICIAS VERÍN

Captura da publicación errónea no Día das Letras Galegas que foi retirada de xeito apresurado das redes de Vilardevós.

Concello de Vilardevós, presidido por Tamara Balboa, protagonizou un episodio de descontrol na xestión da súa comunicación pública institucional coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. A través das canles dixitais oficiais do consistorio, difundiuse unha publicación para felicitar o día grande da cultura de Galicia utilizando por erro a imaxe e a traxectoria de Luísa Villalta, escritora homenaxeada no ano 2024, en lugar de render tributo á xornalista e escritora Begoña Caamaño, figura á que se lle dedica oficialmente a efeméride neste ano 2026. O contido foi retirado de xeito apresurado polos servizos municipais tras advertirse a grave equivocación e desatarse a indignación dos usuarios.

Este suceso garda unha relación directa co acontecido recentemente no Concello de Trasmiras, onde se cometeu exactamente o mesmo erro de contido. A investigación dos feitos confirma que detrás das redes sociais de ambas administracións atópase a mesma persoa encargada da edición, responsable de xestionar a estratexia dixital e as publicacións institucionais de ambos municipios ourensáns, véndose as dúas entidades obrigadas a rectificar publicamente os seus contidos tras o erro.

A polémica en Vilardevós adquire unha dimensión política máis profunda debido ao perfil da aparente profesional supostamente contratada para este servizo. Segundo consta, a persoa -parella sentimental do que fora o anterior candidato socialista en Vilardevós- que edita as redes do consistorio é a mesma que ten protagonizado varias agresións verbais pola que xa foi denunciada e procesada. Tamén está sendo investigada por un delito de revelación de segredos. 

A actual alcaldesa, Tamara Balboa, asumiu o bastón de mando en substitución de Eva Pérez Gamote en cumprimento do pacto de investidura subscrito por ambas formacións para o mandato 2023-2027.