domingo. 28.04.2024
Viana 8M 2023 xantar mulleres
O ano pasado organizouse un xantar popular para conmemorar o 8M en Viana do Bolo.

A xornada para reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade vaise prolongar dous meses en Viana do Bolo. O Centro de Información á Muller (CIM) ten preparada unha extensa e diversa listaxe de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller implicando a toda a veciñanza.

Dende o Concello de Viana aproveitan a celebración do 8M para poñer en marcha o servizo Madrugador@s, unha nova medida de conciliación que, a través do CIM, creará un espazo lúdico para o alumnado dende as 7:30 horas ata o inicio do horario escolar e que incluirá a posibilidade de almorzo. O novo servizo comezará no mes de abril. 

Ademais da concentración polo 8M durante o propio día, vén sendo habitual a organización de actividades específicas nos centros de ensino xa que "o fomento da igualdade entre as novas xeracións é sempre unha prioridade", sinalan dende o CIM de Viana. Tamén a oferta de obradoiros e actividades dirixidas a persoas adultas: "Con esta programación buscamos, coma de costume, chegar a persoas de todas as idades e gustos", explican dende o CIM.

Viana 8M 2023 (2)
A cativada tamén participou o pasado ano nas actividades polo 8M.

Programación de actividades do 8M

Unha das novidades é "MAVI, A Maleta Viaxeira”, un servizo de préstamo de libros escritos por mulleres sobre igualdade, feminismo, empoderamento, autoestima e violencia de xénero que estará dipoñible durante o mes de marzo nas instalacións do Centro de Información á Muller.

Tamén en marzo, impartiranse obradoiros de promoción da igualdade dirixidos aos grupos de mulleres cos que traballa o CIM ao longo do ano. Xa en abril, celebrarase o obradoiro "Herbas das mulleres"; unha actividade con dúas edicións que revisará a medicina tradicional dende unha perspectiva de xénero, buscando a sabedoría que tiñan avoas e bisavoas sobre plantas e elaboración de remedios naturais. 

O alumnado de 5º e 6º de primaria terá a oportunidade de adentrarse no mundo da igualdade dun xeito lúdico co escape room "Estrelas"; unha aventura de escapismo onde mulleres apaixoantes da historia son as protagonistas. Será o 5 de marzo, mesmo día no que se representará a obra teatral "O Ratiño presumido"; unha peza que lle dá a volta aos estereotipos de xénero e ás ideas sexistas do conto clásico dirixida ao alumando de infantil e de primaria do CEIP Bibei.

Para a mocidade, a programación inclúe "Diversidade & Igualdade", un monólogo que a través do humor incide na visibilización da diversidade e na sensibilización contra o machismo, a violencia de xénero, a homofobia, a transfobia e a xenofobia en favor da igualdade. Terá lugar o 12 de marzo no IES de Viana.

Viana aproveita a celebración do 8M para pór en marcha o servizo 'Madrugador@s'