domingo. 19.07.2026
Troula e tradición vianesa

Viana do Bolo presenta o seu Entrudio 2026 coa 54ª Festa da Androlla no Domingo Gordo

Boteiro de Viana do Bolo. | FOTO: Noelia Caseiro.
Boteiro de Viana do Bolo. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Concello de Viana do Bolo desvelou a programación oficial do seu Entrudio 2026, un ciclo festivo que se estenderá desde o 31 de xaneiro ata o 18 de febreiro. A presentación tivo lugar o pasado xoves no Salón de Plenos, onde se deron a coñecer os cartaces dunha edición que promete recuperar toda a maxia e o colorido do Boteiro, o son dos bombos e as aixadas dos folións, e as tradicionais fariñadas que definen a identidade vianesa.

Carteis do Entrudio vianés e da 54º Festa da Androlla.
Carteis do Entrudio vianés e da 54ª Festa da Androlla.

O programa arranca este sábado 31 de xaneiro co Fulión Feminino e continúa o luns coa inauguración da mostra "O noso Entrudio". Entre as datas máis sinaladas destacan o Xoves de Compadres (5 de febreiro) e o Xoves de Comadres (12 de febreiro), xornadas marcadas polas colgas do Lardeiro e a Lardeira, o desfile infantil e as fariñadas polas rúas e prazas da vila. A música será outro dos piares, con actuacións destacadas como a do Grupo América de Vigo na Praza Maior o Domingo Gordo.

O momento cumio chegará o 15 de febreiro co Domingo Gordo, que acollerá o gran desfile de folións, boteiros e carrozas. Esa mesma xornada celebrarase a 54ª Festa da Androlla, que reunirá a veciños e visitantes arredor deste produto emblemático. O ciclo pecharase o 18 de febreiro co Mércores de Cinsa, cumprindo co rito do Enterro da Sardiña e a posterior sardiñada no Cabo da Vila.

PROGRAMACIÓN COMPLETA DO ENTRUDIO 2026:

  • Sábado 31 de xaneiro: Fulión Feminino e charangas.

  • Luns 2 de febreiro: Inauguración da mostra "O noso Entrudio" (19:00h).

  • Xoves 5 de febreiro (Xoves de Compadres): Fariña e fulións (20:00h). Colga do Lardeiro (00:00h). 

  • Sábado 7 de febreiro: Comparsas, fariñada e fulións.

  • Xoves 12 de febreiro (Xoves de Comadres): Desfile infantil do CEIP Bibei e fulión do IES Carlos Casares (11:00h). Fariñada e actuacións de charangas e disco móbil. Colga da Lardeira (00:00h).

  • Sábado 14 de febreiro: Comparsas, fariñada e fulións.

  • Domingo 15 de febreiro (Domingo Gordo): Desfile de fulións, boteiros e carrozas (11:30h). 54ª Festa da Androlla (15:00h). Actuación do Grupo América de Vigo (20:00h).

  • Luns 16 de febreiro: Desfile de fulión infantil (16:30h). Fulión Trapalleiro (20:00h).

  • Martes 17 de febreiro: Saída de fulións e boteiros (12:00h). Queima dos Lardeiros (00:00h) e concurso de disfraces.

  • Mércores 18 de febreiro (Mércores de Cinsa): Enterro da Sardiña (18:00h) e sardiñada (19:00h)

Programacion Entrudio 2026 Viana do Bolo.
Programacion Entrudio 2026 Viana do Bolo.

Viana do Bolo presenta o seu Entrudio 2026 coa 54ª Festa da Androlla no Domingo Gordo