domingo. 28.04.2024
viana-097
Os boteiros de Viana no desfile do Entroido vianés do pasado ano.

Será a 52 edición da Festa da Androlla de Viana do Bolo, unha celebración gastronómica que se vén facendo dende o ano 1970 e á que asisten numerosas persoas dispostas a degustar o tradicional e excelente produto vianés. Como cada ano, terá lugar durante o Domingo Gordo, un dos días grandes do Entroido vianés no que se realiza o gran desfile de folións, boteiros, disfraces e carrozas nas rúas da vila.

Este ano, a Festa da Androlla vén con discrepancias. A degustación gastronómica celebrarase o día 11 no pavillón municipal; cun menú que inclúe sopa, cocido con androlla e chourizo, cabrito con ensalada, sobremesa, café e queimada. Sen embargo, o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo non está conforme coa organización do xantar, motivo polo que solicitou "ao goberno municipal do Partido Popular realizar certas modificacións co obxectivo de aliviar os custes que lle supón as arcas municipais".

O PSdeG-PSOE propón que se actúe sobre o prezo das entradas e que se exerza un control sobre as invitacións que realiza o concello

O voceiro dos socialistas de Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, sinala que ano tras ano, a organización da festa "supón un custe moi elevado para as arcas municipais, sendo a do ano pasado dun importe de 80.000 euros”. Unha cifra moi elevada que motiva a solicitude do PSdeG-PSOE vianés para actuar "sobre o prezo das entradas, para que se reduza a carga que lle supón a organización da festa aos fondos públicos do municipio”.

viana-200
Desfile do Entroido de Viana do Bolo o pasado ano.

 

A esta situación, súmase o convite por parte do concello "a todos aqueles grupos que participan no desfile, e que suman arredor de 1.000 persoas". Por iso, dende o PSdeG-PSOE tamén propoñen que se exerza un control sobre as invitacións que realiza o concello, avogando "porque non se faciliten invitacións aos integrantes da corporación municipal, tanto ao alcalde, como concelleiros e empregados municipais para que abonen o prezo da entrada como calquera outro cidadán".

Mellorar a organización do xantar

A proposta dos socialistas pasa por negociar coa empresa do catering "o prezo que se vai a aplicar no custe do menú por comensal e que deste xeito, unha vez se coñeza o prezo real do menú, repercuta de igual maneira no prezo da entrada que pagará cada asistente". Unha idea que busca que o consistorio "non teña que subvencionar parte da entrada, xa que entendemos que cada persoa debe sufragar o coste total do seu xantar”, afirman dende o PSdeG-Psoe de Viana.

"Estamos a empregar os cartos dos nosos veciños e das nosas veciñas para organizar unha das festas máis importantes do concello, polo que temos a obriga de facelo da maneira máis razoable e equitativa, facendo que o custe da festa sexa o menor posible para as arcas municipais", apunta Germán García-Ávila.

Os socialistas de Viana piden reducir o custe para as arcas municipais da Festa da...