domingo. 19.07.2026
Solicitarán no pleno do xoves a adhesión "urxente" ao programa da Deputación

NOTICIAS VIANA | O PSOE urxe ao Concello a censar as instalacións con amianto

Viana do Bolo_torre da homenaxe_FOTO concello
Moitos edificios públicos e privados de Viana teñen uralita, material que contén amianto. | FOTO: Concello de Viana do Bolo.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presentará unha moción no próximo pleno municipal deste xoves para instar ao Concello a adherirse ao programa da Deputación de Ourense destinado á elaboración dun censo de instalacións con amianto no municipio. A iniciativa socialista ten "carácter de urxencia", dado que o prazo de adhesión finaliza o vindeiro 31 de marzo.

 

Segundo o voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, "é ben sabido que en moitas edificacións, tanto públicas como privadas, atópase colocada en cubertas e paredes a uralita", un material que pode conter ata un 30% de amianto na súa composición. E subliña a necesidade de actuar con celeridade debido aos riscos para a saúde: "O amianto é un produto altamente nocivo que causa innumerables enfermidades canceríxenas".

 

Un plan para retirar o amianto

A proposta socialista tamén contempla solicitar á Deputación que, unha vez elaborado o censo, se proceda á retirada do amianto de forma planificada e detallada, con datas e un estudo do custo económico, especificando as cantidades que asumirían as administracións e os propietarios. Según a Lei de Residuos e Solos para unha Economía Circular, é obriga dos Concellos realizar este tipo de censos.

 

Parte deste custo económico xa o analizaron os socialistas; según explican, a adhesión do Concello de Viana ao programa da Deputación suporía un importe moi baixo: "O custo que debería soportar o Concello é nada máis que o do visor e no caso de Viana sería duns 170 euros, polo que consideramos imprescindible adherirse a este programa", explica García-Ávila Arias.

NOTICIAS VIANA | O PSOE urxe ao Concello a censar as instalacións con amianto