viernes. 19.04.2024
Beirarrúa da rúa Liberdade en Viana do Bolo.
Beirarrúa da rúa Liberdade en Viana do Bolo.

O PSdeG de Viana do Bolo afirma que o actual estado da beirarrúa "dificulta" o tránsito dos peatóns debido á súa estreiteza e presenta numerosas losetas deterioradas ou que faltan por repoñer. É por iso que piden que se acometa a ampliación da beirarrúa, así como a rebaixa da mesma nos tramos de acceso aos servizos, tales como o centro de saúde ou os negocios que se atopan no mesmo tramo.

Así, os socialistas presentan unha moción para o seu debate en sesión plenaria coa que pretenden impulsar a ampliación e arranxo e instan ó concello e á Xunta de Galicia, a que procedan, “á maior brevidade posible”.

Destacan que o esforzo económico necesario para levar a cabo esta actuación é menor, xa que o tramo, que comprende dende o estanco ao centro de saúde, non é moi longo e explican que "a beirarrúa é tan estreita que apenas pode ser empregada por unha soa persoa, tendo que ceder o paso a calquera outra coa que se atope, e invadindo a calzada, co risco que supón no caso de que circulen vehículos".

Unha situación que se agrava no caso de persoas con mobilidade reducida ou que porten un carro cun cativo, xa que tal e como afirman “non é posible transitar debido a que non hai o espazo mínimo para que pase unha cadeira de rodas ou un carro de crianzas”.

Dende o PSdeG de Viana apuntan que a “esta importante carencia”, súmase tamén á presenza de varios contedores de lixo e de vehículos aparcados, o que "aumenta o perigo para a súa seguridade dos peatóns" e á falta de tramos rebaixados para facilitar ó acceso tanto dos carros das crianzas como das cadeiras de rodas das persoas con mobilidade reducida.

NOTICIAS VIANA | O PSdeG de Viana do Bolo impulsa o arranxo da beirarrúa da rúa Liberdade