sábado. 05.10.2024
Håkan Casares asistiu á inauguración da mostra "Os camiños de Carlos Casares".
Håkan Casares asistiu á inauguración da mostra "Os camiños de Carlos Casares".

A Casa da Cultura de Viana do Bolo acolleu esta tarde a inauguración da exposición "Os camiños de Carlos Casares", unha mostra que contén 40 fotografías tomadas por Xurxo Lobato inspirándose nos textos do escritor ourensán sobre o Camiño de Santiago. A Fundación Carlos Casares, co apoio do Xacobeo, promove esta iniciativa que o Concello de Viana achega á veciñanza. 

Håkan Casares, fillo do escritor falecido e presidente da fundación que leva o seu nome, estivo presente na inauguración acompañado dalgúns membros da corporación municipal como Ramona García e Aberlardo Carballo. Un grupo de mozos tiveron a oportunidade de participar neste acto para recibir de man do fillo de Casares as explicacións do percorrido que fai a exposición.

Neste 2022, no que se cumplen 20 anos do pasamento do escritor, a mostra itinerante xa viaxou por diversas partes de Galicia e agora recala en Viana ata o 14 de outubro, onde se poderá ver de luns a venres en horario de 16:00 a 21:00 horas. Lobato homenaxea a Casares con cada unha das súas fotografías, xa que sinte especial devoción polas súas obras literarias, moi influenciadas polo Camiño de Santiago.

A exposición forma parte da programación de "O teu Xacobeo" e, no 2021, xa percorreu cinco concellos galegos, entre eles Allariz. Neste ano, "Os camiños de Carlos Casares" xa se puido ver en Mazaricos, Cervo e Muxía. Agora instálase en Viana para que os seus veciños sintan, dalgunha maneira, o que o escritor viviu cando peregrinou a Santiago no 1992, nun grupo de peregrinos de diferentes idades, profesións e orixes. As impresións que plasmou nos seus textos, tamén recollidos na mostra, trata de traelas á vida Lobato coas súas fotografías.

Abelardo Carballo, Ramona García, Hakan Casares e Ovidio Villar, na inauguración da mostra.
Abelardo Carballo, Ramona García, Håkan Casares e Ovidio Villar, na inauguración da mostra.

 

NOTICIAS VIANA | A exposición "Os camiños de Carlos Casares" chega a terras vianesas