martes. 30.04.2024

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo amosa o seu “total apoio e solidariedade”  aos máis de 140 traballadores e traballadoras, directos e indirectos, afectados ante a orde xudicial de cese de actividade preventiva da mina de Penouta. Os e as socialistas acusan ao Concello, á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia de “inacción” ante a situación que se está a vivir con esta explotación mineira e esíxenlles que se poñan a “traballar” na procura de solucións “exitosas” que rematen co pesadelo que está a vivir o municipio.

Dende o Grupo Municipal Socialista en Viana do Bolo destacan o “noso respecto á decisión xudicial, como non podería ser doutra maneira”. Os e as socialistas subliñan á súa vez que “a nosa prioridade e preocupación máis absolutas son a seguridade e a saúde dos nosos conveciños e conveciñas”, motivo polo que piden que “se fagan públicos os resultados das análises efectuados as augas para coñecer se existen vertidos de metais que poidan ser nocivos para a saúde e rematar así coas dúbidas e desconfianzas existentes”.

Os e as socialistas instan ás autoridades competentes das consellerías de traballo, saúde e industria a que exerzan un control “exhaustivo”, de maneira que se “minimicen as molestias que poidan ocasionar en maior medida aos núcleos de poboación máis afectados, eliminando o polvo e os danos das edificacións”. Neste senso tamén optan porque se convoque a unha xuntanza ás forzas políticas locais, a patronal e aos sindicatos co obxectivo de “axuntar posturas e debater sobre os pasos a dar para reverter a actual situación, instando ás administracións provinciais e autonómicas a que atopen saídas ante a ameaza de paralización económica da nosa bisbarra”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, apunta a que esta explotación “xera arredor duns 140 empregos, entre directos e indirectos” e fai fincapé en que a maioría dos traballadores e traballadoras “son persoas da zona, entre as que hai moitos mozos e mozas, con familias ao seu cargo e un futuro por diante”. O edil socialista ten claro que se o peche da mina de Penouta chega a ser definitivo “veranse na obriga de abandonar o noso concello en busca dun porvir, ao que se suma o grave prexuízo económico e de futuro que ocasionaría a contorna”.

García-Ávila Arias explica que dende o PSdeG-PSOE vianés “esiximos que se faga un estudo reflexivo e exhaustivo sobre a maneira de facer compatible a saúde, a seguridade e o respecto a flora, fauna e medio ambiente, coa explotación mineira”. Asemade, tamén afirma que “estamos seguros que se se poñen os medios necesarios, todas estas facetas poden convivir”.

Os e as socialistas rematan manifestando a “nosa solidariedade e ánimos aos traballadores e traballadoras”, que segundo afirman “contan co noso apoio para tratar que este pesadelo teña mais cedo que tarde un fin exitoso”.

NOTICIAS VIANA | O PSdeG de Viana apoia ós traballadores da mina de Penouta afectados...