viernes. 03.05.2024
Pavillón municipal de Viana.
Pavillón municipal de Viana.

O Concello de Viana do Bolo vén de licitar a obra para substituír a cuberta do pavillón municipal. O proxecto, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, conta cun orzamento de 181.000 euros (con IVE), dos cales o Goberno autonómico aportará 140.000.

A instalación deportiva conta con problemas de humidades no interior debido ás filtracións puntuais na cuberta e ás condensacións superficiais. A pista deportiva estase vendo afectada polas humidades, danando o parqué de madeira.

Segundo apuntan dende o Concello, pódense observar elementos con signos de podredume e pezas levantadas. Todo isto supón un problema de seguridade á hora de práctica deportiva neste pavillón.

O prazo de presentación de ofertas para levar a cabo este proxecto remata o vindeiro 16 de setembro, como se recolle en Contratos de Galicia. Os responsables da mesma, terán dous meses para executala.

Esta actuación solventará os actuais problemas do pavillón coa mellora da eficiencia enerxética da súa cuberta, así como a seguridade e a calidades das súas instalacións, que son empregadas con asiduidade para a práctica deportiva.

NOTICIAS VIANA | Concello e Xunta colaboran para substituír a cuberta do pavillón...