sábado. 27.04.2024
Casa en estado de abandono en Viana.
Casa en estado de abandono en Viana.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao Goberno municipal a cumprir e executar os acordos aprobados en sesión plenaria para rematar coa situación de "insalubridade" e o "feísmo" nas casas esborralladas nas rúas de San Roque e do Ferro. Os socialistas critican a "inacción" do rexedor á hora de mellorar a imaxe de Viana e de solucionar esta grave problemática.

Dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo lembran que en setembro de 2021 presentouse unha moción, aprobada por unanimidade, na que se solicitaba que se procedese coa retirada dos escombros destas casas, pero "ata o de agora nada se fixo e o problema segue aí". Segundo denuncian dende o PSOE vianés, a situación "é preocupante, xa que estamos falando de dúas rúas céntricas da vila e nas que a imaxe que se proxecta é lamentable".

Os socialistas vianeses sinalan que "aos problemas de insalubridade, súmanse a presencia de ratas e serpes, que proliferan na zona debido ás malas condicións na que se atopan estas edificacións, convertidas en escombreiras". Ademais, fan fincapé "na proxección que dá esta zona a aqueles que nos visitan, xa que está situada nunha contorna céntrica, polo que consideramos que ofrece unha imaxe nada acorde coa beleza do noso municipio".

Dende o grupo socialista instan ao Concello "a localizar aos propietarios dos inmobles para que procedan á limpeza das mesmas e que, no caso de non localizalos, se comece a levantar un muro para tapiar a zona, evitando deste xeito que se vexa o mal estado". Tendo en conta a proximidade do calendario á celebración das festas máis importantes do municipio, como son o Entroido e o Festival Internacional da Mascarada Ibérica (ViBoMask) e "que atraen milleiros de visitantes, precisamos mellorar a imaxe deste lugar".

Neste senso apuntan a que "hai que ter en conta que por ditas rúas transcorren os desfiles dos integrantes dos folións e comparsas, ademais de máscaras chegadas de tódalas rexións e doutros países, polo que cómpre que o Concello se poña mans a obra e proceda a tapiar os escombros, co fin de preservar a boa imaxe e a beleza que debemos proxectar aos visitantes".

NOTICIAS VIANA | O PSdG esixe solucións para as casas derrubadas das rúas de San Roque...