jueves. 18.04.2024
Estado da arranxada vía que comunica a estrada do Sarito con Vilariño, en Viana.
Estado da arranxada vía que comunica a estrada do Sarito con Vilariño, en Viana.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao goberno municipal a non asumir nin recepcionar a vía que une a estrada do Sarito coa de Vilariño debido ao mal estado da mesma. Os socialistas pídenlle ao Concello que lle transmita á Deputación, encargada da obra de reforma, que lle esixa a empresa adxudicataria que corrixa as "graves" deficiencias no arranxo desta vía de comunicación e que garanta que o firme da estrada "aguantará os uso e as condicións meteorolóxicas".

Dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo denuncian que fai dous meses que se rematou o arranxo desta estrada, pero "a obra presenta graves deficiencias logo do seu remate, chegando a levantarse a capa de rodadura", explican. Nun primeiro momento, o Concello íase facer cargo da reforme e, finalmente, asumiuna a Deputación, quen a adxudicou por un importe de 48.000 euros no 2021.

O prazo de execución da obra era de dous meses, pero "sufriu numerosos atrancos e faltas de previsións, o que provocou que foran necesarios preto de dous anos para rematar unha estada duns 100 metros", resaltan os socialistas. Esta vía é de suma importancia nas conexións vianesas, xa que "é un dos accesos ao casco antigo de Viana", e os prazos non se cumpriron "de xeito flagrante". A isto súmanselle agora as "graves deficiencias" que presenta, polo que dende o PSOE de Viana solicitan a súa corrección.

Os socialistas de Viana afirman que "coa obra recén rematada, atopámonos con estes problemas estruturais, preguntámonos cal vai ser o estado da vía logo dun tempo, cando as condicións meteorolóxicas e o uso da mesma repercutan directamente sobre o firme". Ao Goberno municipal esíxenlle "solucións urxentes e que se poñan en contacto coa Deputación para que reclame á empresa adxudicataria o arranxo das deficiencias".

Deficiencias da vía arranxada en Viana.
Deficiencias da vía arranxada en Viana.

NOTICIAS VIANA | O PSOE esixe á Deputación que se corrixa o arranxo da estrada do Sarito