viernes. 26.04.2024
Programa de actividades polo Día da Muller Rural en Viana.
Programa de actividades polo Día da Muller Rural en Viana.

O vindeiro sábado, 15 de outubro, celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha xornada promovida polas Nación Unidas para poñer en valor o seu papel na desenvolvemento rural e agrícola, na erradicación da pobreza e na mellora da seguridade alimentaria. Para festexar a todo este colectivo, o Concello de Viana do Bolo organiza unha programación con diversas actividades, a través da Concellería de de Servizos Sociais e Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) .

A semana pasada, os cativos xa contaron cun espectáculo de títeres e así quentaron motores para esta semana. Outra das actividades das que se pode desfrutar nestes momentos é a exposición de traballos do proxecto "Cre, crea, crece", que está aberta para todos os públicos nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello e o CIM. Alí poderanse ver as figuras de arxila e azulexos coloridos elaborados polas participantes.

A seguinte cita importante será a deste venres, coa estrea da web "Pegadas", que leva o nome do documental rodado en Viana e no que mulleres vianesas son as protagonistas contando as súas experiencias vitais. Este espazo de Internet disporá de contidos arredor do documental. Logo, o luns 17, proxectarán o documental "Vértice de versos" para os alumnos dos IES Carlos Casares na Casa da Cultura. A longametraxe fala sobre poetas de Galicia, no que salienta a especial incidencia das mulleres escritoras e detállase a o que pasou nos últimos 25 anos. A poeta Emma Pedreira, quen fará un recital, e o seu director, Carlos Lorenzo, presentarán o filme e manterán un coloquio cos estudantes.

Para rematar, o 18 de outubro haberá dous obradoiros na Casa da Cultura dirixidos a dous públicos moi diferentes. O primeiro, chamado "Mulleres pintoras", será para os cativos maiores de 5 anos e nel coñecerán os traballos de artistas como Georgia O'Keffe, Maruxa Mallo, Menchu Lamas e Remedios Varo. O segundo, "Ikebana", centrarase en mulleres de 60 ou máis anos que aprenderán a facer arranxos florais a través desta arte xaponesa.

Esta é a programación diversa preparada para estes días, pero as sorpresas tamén estarán aseguradas para celebrar a importancia do papel de todas as mulleres rurais de Viana e tamén de calquera outro lugar.

NOTICIAS VIANA | Os vianeses celebran o Día da Muller Rural con diversas actividades