viernes. 19.04.2024
Estado dun tramo da estrada de Santo Agostiño, en Viana, antes das obras.
Estado dun tramo da estrada de Santo Agostiño, en Viana, antes das obras.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo levou ó pleno da Deputación, a través do deputado provincial Autentino Alonso, unha pregunta sobre o estado das obras na estrada de Santo Agostiño. Os socialistas celebran a resposta dada polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen asegurou que "estarán rematadas o vindeiro 24 de outubro".

O Grupo Municipal Socialista resalta que, "despois de anos pelexando polo arranxo dunha estrada que se atopaba nunhas condicións lamentables, por fin vaia ser unha realidade o fin destas obras". A mellora da estrada considérana "necesaria" polo volume de vehículos que transitan por ela. Nos últimos tempos, os socialistas xa exerceron presión con reiteradas preguntas sobre a importancia de arranxala.

O PSOE vianés agarda que a data dada polo presidente da Deputación para a finalización das obras se cumpra, para que a mellora da estrada "sexa unha realidade e a veciñanza de Viana poida ver, dunha vez por todas, o seu arranxo".  Os socialistas destacan o seu labor e esforzos para que esto se levase acabo, "despois de moito tempo loitando para que se cumprise esta demanda histórica e se conseguise o compromiso de todas as partes implicadas".

Dende o PSOE de Viana confían en que o anuncio público feito por Baltar no pleno da Deputación de Ourense “sexa realidade na data anunciada”, pero sinalan que "o estado no que se atopan as obras non nos invitan a un excesivo optimismo". Segundo relatan, “comezouse co asfaltado e están preto de rematar co arranxo de cunetas e sumidoiros, máis aínda quedan días para rematar con estes traballos.

No pleno tamén fixeron fincapé en se se lle concedera a empresa adxudicataria unha prórroga para o remate das obras, pero Baltar respondeu que “non, porque estas foran paralizadas entre o 18 de novembro de 2021 e o 13 de abril de 2022”. Aurentino Alonso tamén preguntou se habería algunha outra actuación no 2023, ao que presidente da Deputación de respondeu que “non hai nada máis previsto.

NOTICIAS VIANA | As obras da estrada de Santo Agostiño rematarán o 24 de outubro