sábado. 04.05.2024
Cartel promocional do Día da Xuventude en Viana.
Cartel promocional do Día da Xuventude en Viana.

A mocidade de Viana do Bolo desfrutará este sábado dun novo programa de lecer e educación non formal impulsado pola Xunta, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, para os mozos de Galicia. O Día da Xuventude celebrarase o día 8 no exterior do pavillón de deportes vianés, no que se ofrecerá unha ampla programación formativa e de ocio de xeito gratuíto.

As actividades comezarán ás 16:00 horas e rematarán ás 21:00 horas. Os mozos poderán participar en obradoiros de gastronomía saudable no que haberá xogos educativos e un "show cooking" con produtos locais e de tempada. Tamén poderán desfrutar de lecer educativo de carácter deportivo con fútbol burbulla, un futbolín humano, "slackline" e tiro con arco.

A sensibilización medioambiental tamén terá protagonismo nesta xornada, xa que a mocidade é o futuro. Dispoñerán de talleres dinámicos sobre a protección do medio, o cambio climático ou a reciclaxe. Sobre igualdade de xénero, contarán cunha actividade de "relacións tóxicas vs. relacións de bo trato".

As artes tamén terán un oco no Día da Xuventude e os mozos poderán asistir a un taller de graffiti sobre técnicas de aprendizaxe rápida e mural común. Ademais, ás 20:30 horas, DJ Tariro porá música a esta festa para a xuventude.

De cara ao seu futuro laboral, os mozos terán a oportunidade de aprender habilidades para a empregabilidade a través de dinámicas grupais para a elaboración do currículo ou a abordaxe dunha entrevista de traballo. Por último, unha caravana móbil instalarase no punto onde se celebrará o Día da Xuventude para ofrecer información de recursos para a mocidade en Galicia.

NOTICIAS VIANA | A mocidade festexará o Día da Xuventude con numerosas actividades